Tradición

Lembramos...

Se por algo se caracteriza Samos é polas súas tradicións, dende moi antergo se arraigaron nos pobos e nas xentes da nosa terra moitos xeitos de facer, uns conservánse outros non, aquí fixemos unha selección que cremos que a máis dun lles pode sacar un sorriso. 

Sairán moitas lembranzas e agardamos poder publicar todas elas, antes ou despois, se tedes coñecemento de estas ou outros cousas escribídenos!.

Un Brindo ou Birindo era unha disputa improvisada en verso, xeralmente de oito versos, que se entoaba nas vodas entre os asistentes ó banquete. A finalidade do mesmo era obter roscas e cigarros que repartían os padriños. Claro, esto se o birindo era do agrado dos padriños pois normalmente sempre tiñan unha dobre lectura e, polo xeral, ironizábase algún rasgo ou defecto dos noivos.

Cando o birindo era moi ofensivo o convite podía derivar nunha liorta entre os que estaban dentro da casa e os mozos que estaban fóra agardando as roscas e os cigarros. Deste xeito, moitas veces os noivos convidaban a algún birindeiro afamado para que puidese replicar desde dentro aos ataques que viñan desde fóra. Outra solución era chamar a parella da Garda Civil cando se prevía follón, mesmamente se chegaron a prohibir os birindos nalgunha época debido ás liortas nas que derivaban: os maís famosos en Samos eran os de Lóuzara, tiñan moita sona en toda a comarca.

Sen lugar a dúbida unha das tradicións máis arraigadas e case perdidas de Samos foi o seu antroido; en todos os pobos do municipio os mozos e as mozas disfrazábanse e logo ían polas casas onde cantaban e xogaba a identificar ás “mascaritas”, a cambio eran agasallados con doces e licores varios. Gran entidade tiña o antroido de Samos, que se fixo perante os anos, como se mostra na foto. Xa máis recente foi a gran comparsa da Fundación O Noso Lar que sempre xuntaba a máis de cen personas que gañou sempre primeiros premios tanto en Sarria como en Monforte.

A Historia de Galicia sempre estivo nunha tradición oral que pasaba de avós a netos e en Samos non ía ser menos. O noso concello, cunha poboación tremendamente envellecida sempre estivo na mente de moitos que fomos novos e que ao pasar dos anos observamos como se ían apagando almas para deixarnos nun xeito de vida que non sabemos si era mellor ou pior.

Moitas veces é certo que faltou recoñecemento para eles, e aínda falta, pero aí sempre estivo a Fundación O Noso Lar homenaxeando a todos eles perante os anos e reunindo a milleiros de personas no verán na súa gran Festa dos Maiores, ou perante o ano en diferentes encontros para poder dinamizar un pouco a súa vida. 

Pero sempre teremos esa asignatura pendente, dignificar a vida dos nosos avós e das nosas avoas de Samos.

De sempre esta zona foi moi festeira e tiña grandes festas de San Benito en Samos así como en todos os pobos do contorno. Pero sin lugar a dúbida as máis atractivas eran as romarías onde ían os novos e as novas camiñando e pasaban o día alí, levaban “a merenda” que compartían ou ben ían xantar de invitados á casa dalgún parente ou amigo.

As de máis sona sempre foron o Santo San Mamede, os Dolores de Teibilide, o San Eufrasio no veciño Val do Mao e máis recentemente a Festa da Auga de Santalla. 

Sen lugar a dúbida eran espazos onde se socializaba e se botaba un “pie” así como en tempos antergos se practiba o “permites”, non sabes o que é?, pregunta, pregunta,…

Xa noutro apartado falamos da música en Samos pero temos que facer unha mención especial porque sempre foron moitos os músicos e cantores que deu esta terra.

Samos chegou a ter banda musical, de gaitas, coral e varias orquestas e grupos  e deu estudos a varios músicos perante a historia. Non sabemos se Martiño de Praduzelos xa era premonitorio pero é lóxico tamén que esta faceta se avivase por seguro que influencia dos monxes que antigamente levaban as parroquias e favorecían o cántico misal e motivaban aos nenos e nenas a cantar e facer algo que lles gustaba, pena que aquel proxecto de escola de música quedara en auga.

 

O oficio da cesteiría era moi común pola zona e había familias en que a especialización era palpable. Ao fin os cestos eran utilizados para moitas cousas na vida agraria de Samos e recibían formas e nomes diferentes para según qué cousas foran feitos. Un dos últimos cesteiro chamábase Antonio (foto) que elaboraba os seus cestos con tiras de salgueiro e brotes de abelaira. A tradición perdura hoxe nunha profesional de Samos que fai a súa interpretación sobre a cesteiría tradicional, Lola Tourón.

 

Samos sempre tivo unha forte tradición no eido dos oficios, todos os mozos e mozas estaban predispostos polos seus proxenitores a aprender un oficio para ser útil na vida. Un destes oficios moi estimado en Samos era o de ferreiro porque había unha longa tradición nas ferreirías que se abriron tanto na capitalidade como en Lóuzara (Gundriz) onde se fabricaban enrrexados, ferros, aperos de labranza,… e incluso se exportaban fóra do municipio. De feito a xestión das ferreirías viña da man do mosteiro como demostran os inventarios que se fixeron no seu día das ferreirías monacais no século XIX que chegaron a facer enrrexados e portas para catedrais.

E claro, chegaba o inverno e había que resgardarse do frío, e facer mantas e tamén pasar o inverno facendo algo; e así en Samos había en moitas casas tear que fabricaban as mantas que utilizaban todos os veciños e veciñas. As máis significativas eran as mantas de tiras, que pesaban moito e que hoxe se ven en moitos salóns como alfombras cubrindo o chan.

Naquel momento era oficio de mulleres e de homes que aprendían a traballar no tear e onde facían tantos as mantas como tecido para os seus traxes, todo con fibras naturais, unha linda tradición que en Samos perdurou ata hai moi pouco a Carmen dos Casares deu boas leccións ás novas xeracións, pena que non perdurara o taller que hai anos se abríu.

Co paso do tempo hai oficios que se perden pero que non caen no olvido. En todas as casas de Samos existiu sempre algún barreño feito polos mestres “cacharreiros” que vivían na nosa terra. Eran moitos os usos que se facían deles pero os que máis se lembran son os barreños para a zorza. A característica destes era a súa cor escura e que tiñan ou unha ou catro asas para agarralos ademáis do seu cu estreito o que provocaba certo balanceo que facilitaba por exemplo amasar a zorza. 

Hoxe apenas quedan fornos en boas condicións, coñécese un que se recuperou hai uns aniños pero sempre existiron afamados cacharreiros moi concentrados nas zonas de Lamartín, Roxofrei e Romelle, quizá porque por estas zonas tamén hay grandes barreiras.

E no verán pobos e familias xuntábanse para acometer un dos traballos do campo máis arraigados e ligados á festa. En toda Galicia, e Samos non ía ser menos, o traballo agrario, a gastronomía e a festa ían moi da man. 

Xuntábase unha morea de xente nas airas donde mallaban o cereal ben a man ou logo máis tarde con máquinas, traballo que facían normalmente os homes e as mulleres recollían o grao que gardaban ciumentas porque era o sustento da familia para todo o inverno.

E pola noite unha gran cea para todos onde cada veciño aportaba o que podía e cánticos, e veña festa!