Xeografía

Ubícate un pouquiño

42º 52′ latitude Norte

7º 32′ lonxitude Oeste

Samos forma parte das estribacións das serras orientais de Galicia. Limita ao norte cos concellos de Sarria e Láncara, ao sur cos de Póboa de Brollón e Folgoso de Courel, polo este linda co concello de Triacastela e polo oeste co de O Incio.

A xeografía de Samos pódese dividir en tres zonas diferentes: a central como zona de asentamento das poboacións máis importantes, a zona norte que é máis aberta e con terras en pendente e suaves colinas e Lóuzara, na zona sur coa súa brava paisaxe e un belo e profundo val.

O municipio conta conta con 1.343 habitantes (2017) distribuídos en 24 parroquias que ocupan unha superficie de 136 km. Samos padeceu unha despoboación progresiva que chega a ser alarmante xa que perdeu case dous tercios da poboación coa que contaba en 1930: un verdadeiro éxodo rural. 

Bordean o seu territorio tres serras: a de Lóuzara, Monte Oribio e a Albela. A maior altitude do municipio atópase na serra do Oribio a 1.443 metros. Fronte as serras contrastan os profundos vales e a rede fluvial cos ríos Lóura e Sarria que conforman un dos lugares paisaxísticos máis fermosos da Galicia interior. A capitalidade alcanza uns 565 metros sobre o nivel do mar.

O clima de Samos é de corte mediterráneo con invernos fresquiños que poden chegar a ser fríos pola aparición das nevadas e no verán o calor está presente perante os meses de xullo, agosto e setembro.